ventorrillo

Gaspar LLamazares no Ventorrillo

En días pasados a Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa solicitou ás diversas forzas políticas coruñesas implicación e compromiso co seu barrio e coa veciñanza de O Ventorrillo, A Silva, Cance, Penamoa e A Moura.

Froito desta solicitude e da nosa aspiración de converter a política nunha ferramenta ao servizo da cidadanía para mellorar a calidade de vida da veciñanza, Esquerda Unida desenvolverá o vindeiro martes 26 de abril unha Asemblea de Barrio no Ventorrillo que contará coa colaboración da Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa. Para tratar os distintos problemas aos que se enfronta o barrio como os perigos para a saúde derivados do poboado de Penamoa.

O consello comarcal de EU anuncia a participación do voceiro do seu grupo parlamentar e presidente da comisión de sanidade, Gaspar Llamazares, quen en días pasados preguntou ao Goberno polos riscos para a saúde derivados do asentamento chabolista de Penamoa a través dunha iniciativa do consello comarcal en colaboración coa Plataforma.

O coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía, César Santiso, subliño que “a inmediata reacción á solicitude da Plataforma mediante o desenvolvemento desta iniciativa xunto co esforzo que supuxo xestionar a presenza de Gaspar Llamazares evidencian o noso compromiso coa veciñanza do Ventorrillo”.

César Santiso indicou que moitos falan de participación cidadá, mais so de palabra. A nosa intención é demostrar que cumprimos o que décimos. Así, fieis á nosa aposta pola participación cidadá, os nosos actos públicos non se reducen a meros mitins nos que a cidadanía permanece pasiva diante do orador, senón que apostamos pola participación activa da veciñanza. Por iso propoñemos desenvolver Asembleas de Barrio que permitan a cidadanía coruñesa acadar experiencia neste fito participativo. Nesta ocasión, os veciños e veciñas do Ventorrillo definiran democraticamente as propostas que consideren necesarias para o seu barrio co fin de que Esquerda Unida adquira un compromiso de cara a súa defensa e desenvolvemento, sempre que estas non sexan incompatíbeis cos valores que defendemos.