sempre en galiza

Sobre a cuestión nacional

“Os galeguistas sempre soñamos coa Confederación. […] Os galeguistas arelabamos que Portugal se confederase con España para consagrarmos a irmandade galaico-portuguesa e restablecernos os vínculos culturais da nosa antiga comunidade, da nosa vella nación.”

“Recoñecemos (os galeguistas) a existencia real de Hespaña (unha realidade que comprende a Portugal, que abrangue a Península enteira) e entendemos que esta unidade debe plasmarse políticamente en forma de Estado plurinacional, o máis forte posible, a fin de que logremos o asentamento permanente e definitivo da paz e da convivencia. Queremos que Hespaña sexa forte para crear un alto interese común, harmonizando nunha coordinación superior de varias nacionalidades que a compoñen e defendendo a soberanía de cada unha delas; é dicir, a integridade funcional dos órgaos que lle han de dar vida. Comprenderedes que estamos falando dunha República federal, baseada no concepto novísimo das nacionalidades e á outra banda do federalismo americano que tanto admiraban os repúblicos(seguidores de las tendencias federalistas durante a I República Española) do 73.

[…]

En contraste coa República Norteamericana —federación nacional de varios Estados libres— invocaremos a Unión de Repúblicas Soviéticas —organización estatal de varias nacionalidades independentes— para ver cómo en ambas se consideraba intanxible o "ser” nacional. En efecto; a Constitución dos Sóviets di no seu artigo 17: “Cada República federada (alí as Repúblicas son as Nacións) conserva o dereito a separarse libremente da URSS. Pois ben; o que a España lle falta en extensión territorial e en virxinidade etnográfica, sóbralle en fondura histórica, en variedade de sedimentos insobernables, en cristalización poliédrica do carácter; e, polo mesmo, non nos atopamos no caso das Américas. Se o territorio hispano estivese cubero por un só pobo non teríamos máis problema que o da unión dos dous Estados en que está dividido, e, neste caso, serviríanos a concepción norteamericana; pero, aparte do problema unionista que se plantea de seu ao verms dividida a Península, existe o problema secesionista, planteado dentro do Estado español polas nacionalidades asoballadas. Este problema —de Nacións e non de Estados— aseméllase ao da Rusia zarista e esixe unha estructura política baseada na libre federación das nacionalidades. Claro está que non somos partidarios do divorcio, porque quixeramos que o amor fose inquebrantable en toda a unión; pero consideramos necesaria unha "lei de divorcio” para remediar, en parte, a posible desavenencia dos que se axuntan e despois resulta que non se aman. Da mesma maneira nós non somos separatistas; pero, en principio, queremos que as nacións teñan dereito a separarse do Estado ao que pertencen, cando non sexan felices dentro del, pois xamais poden renunciar á súa soberanía. En resumo: declarándonos partidarios de toda unión pactada, sempre que se garantice a soberanía das nacionalidades.

[…]

gracia do estado só enche as necesidades dunha simple rexión, particularizada nalgúns atributos da nacionalidade a que pertence. Así pois, o sistema de Estatutos autonómicos é inadecuado e ata ofensivo para os cataláns, galegos e vascos. Galiza, como Cataluña e Euskadi, é unha nación, e, por consiguente, ten dereito a federarse con outros pobos iguais a ela; e non recoñecerlle o dereito de autodeterminación —inclusive para vivir con absoluta independencia— será sempre un acto tiránico e antiliberal. Agora ben; nós queremos ceder da nosa natural soberanía todo canto cedan as demáis nacionalidades españolas, a fin de constituirmos un Estado rexido pola máis pura democracia (democracia fundada na liberdade), onde sexa imposible o privilexio e a servidume. Somos, pois, federalistas e arelamos para España unha estructuración axeitada ás súas realidades sensibles e non a teorías estériles e contraproducentes, importadas de países exóticos.

[…]

Despois do devandito só nos resta engadir que se os demócratas españois nos consideran separatistas non teríamos máis remedio que selo realmente; pero no entanto debemos defender a lexitimidade das nosas ideas, amostrándolle aos galegos apoucados a estrela das nosas esperanzas.“

Sempre en Galiza, A. R. CASTELAO